A Saínza


Xusto no límite dos concellos de San Amaro e Cenlle, entre Vilarderrei e Beariz, atópase unha rocha de moi pouca altura que contén na súa parte superior un oco profundo. O máis salientable é que esta rocha está envolta en lendas, xa que os veciños afirman que as mozas casadeiras de Vilar de Rei non atoparían mozo se non se sentaban na peneda. Tal afirmación pode provir de antigos cultos á fertilidade, pois para os pobos antigos o matrimonio era a antesala da procreación.  

A tradición oral tamén asegura que non hai moitos anos a pedra era máis grande, atravesando a actual estrada. Tiña unha superficie plana, na que se sentaban os mozos da contorna no seu tempo de lecer. A mesma tradición oral afirma que foron canteiros portugueses os que desfixeron gran parte da peneda para obter postes para os valados que pechaban os eidos.
A orientación equinoccial con respecto ao castro de San Cibrao das Las (Lámbrica) pode estarnos a falar dunha utilización cando menos da época castrexa, á vez que nos suxire preocupacións astronómicas, ben sexa por necesidades de calendario ou relixiosas.

Ademais, a súa configuración cun gran oco, que puido servir para conter algún tipo de poste, evoca algún tipo de sinalización territorial. A sinalización territorial será herdada na actual distribución das parroquias e concellos, pois as divisións eclesiásticas e as administrativas actuais aproveitarán estas rochas emblemáticas como marcos de división.  

En outubro de 2014 foi atopada, entre Eiras e Vilarderrei (concellos de San Amaro e Cenlle, respectivamente) unha peza en canto rodado de río, de bo tamaño, de factura paleolítica ou epipaleolítica, pero que non pode datarse porque o seu achado foi casual, na beira dun camiño e ó lado dunhas viñas tras unha invernía. No lugar non existen cantos rodados deste tipo, polo que debemos supoñer que foi traído do río Miño, a uns tres quilómetros en liña recta. Hai menos de tres quilómetros a Lámbrica, visible dende o lugar do achado, e 1,3 quilómetros ós petroglifos da Ermida. A peza mide, aproximadamente, 11x15,5x3,7 cm. As coordenadas do lugar onde se atopou son as seguintes: 42°21'16.18" N; 8° 3'46.42" O.


A presenza deste tipo de restos suxírenos un poboamento continuado nos arredores de Lámbrica dende o Paleolítico, sendo a fortificación castrexa das Las un simple episodio no tempo. É dicir, non poderiamos entender a citania de San Cibrao das Las (Lámbrica, na inscrición da ara de Eiras) sen a previa existencia dunha zona poboada e rica en recursos agropecuarios e mineiros que ocasionarían unha acumulación de riquezas e unha diferenciación social que obrigaría a certos grupos a fortificarse, ben fose por amenazas dentro do propio territorio ou por perigos externos que aparecesen en momentos puntuais, xa na Idade do Ferro e, tamén, durante a romanización. 


© F. González Iglesias. Novembro de 2018 - outubro de 2020. Todos os dereitos reservados. Non se permite a reprodución das imaxes nin dos textos.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar