Situados no esquecemento, nun monte comunal chamado A Ermida, pero tamén O Couto ou As Múas, na parroquia ourensá de Eiras (San Amaro), sobreviviron miles de anos a non moita distancia da citania de San Cibrao das Las, Lámbrica

Non está clara a funcionalidade das representacións gravadas en rochas, datadas en xeral desde finais do Neolítico ata a Idade do Ferro. Pero en Eiras prodúcense algunhas curiosas coincidencias nos

Petroglifos da Ermida 


Os petroglifos da Ermida están gravados na parte superior dunha rocha de granito que ten uns 6 metros de longo por case 3 de anchura, lixeiramente inclinada cara o sur. A súa altura é variable, debido a inclinación do penedo e á propia disposición do terreo. Pola súa parte máis alta, cara o leste, ten aproximadamente 1´60 metros de altura, pero polo noroeste pode accederse facilmente á súa parte superior. 

A altura na parte leste permite a un observador de estatura media ver os solpores dende o chan, cos ollos á altura da parte horizontal e superior do penedo, onde están os petroglifos.

No panel podemos diferenciar claramente cinco figuras circulares con coviña central ben marcada e liñas concéntricas arrodeándoa. As catro figuras máis grandes responden á tipoloxía típica das combinacións circulares. As súas coviñas teñen diámetros que oscilan entre os 8 e os 16 centímetros e unha profundidade de 1,5 centímetros. O diámetro total das figuras vai dende os 20 ós 50 centímetros.
Desas catro figuras hai unha que destaca especialmente pola súa magnitude, o seu maior número de círculos concéntricos e a presenza de liñas radiais. Trátase do petroglifo A.

O modo de execución destes catro petroglifos debeu ser con técnicas de picado, posiblemente con instrumentos líticos de punta roma complementado con labouras de fretamento. O resultado é o de sucos moi anchos, nos que tamén incidiron seriamente os procesos erosivos. 

O petroglifo máis pequeniño (E) consta dunha coviña central duns 3 centímetros de diámetro e case dous de profundidade. É de tipoloxía moi desemellante ás anteriores, empregándose posiblemente instrumental metálico para a súa realización. A súa distinta factura fainos pensar nun gravado máis tardío que o do resto das figuras.

A xeito de interpretación...

É difícil, por non dicir imposible, chegar a saber exactamente o que se intentou representar nos petroglifos. Pero na Ermida contamos cunhas curiosas "casualidades" que poden darnos pistas sobre o posible significado dos gravados rupestres, aínda que sen ánimo de xeneralizar.

As relacións (casualidades?) con eventos astronómicos definidos e a coincidencia deses mesmos fenómenos astronómicos, vistos dende o alto da citania de Lámbrica, con fitos xeográficos particulares da contorna, animou a aventurar algúnha proposta.

Tendo en conta as características da rocha, que permiten dende a súa parte oriental unha cómoda observación do horizonte oeste, fixámonos nos seguintes eventos astronómicos que teñen relación cos solpores:

1.- Nos solsticios de verán, arredor do 21 de xuño, os petroglifos A e B están en liña co punto de solpor. É un feito indiscutible, aínda que non poidamos probar de momento tal intencionalidade.

2.- Os petroglifos E e A forman unha liña que se aproxima moito ó norte magnético. Igual que o anterior, tamén un feito indiscutible, aínda que dubidemos da intencionalidade dos seus gravadores.

3.- Os petroglifos A e D tenden a aliñarse co punto de solpor nas épocas do solsticio invernal, arredor do 21 de decembro. Aínda que tal aliñamento non chega a producirse, o máis sorprendente é que a prolongación desa liña D-A cara o nordeste parece apuntar cara o castro de San Cibrao das Las, Lámbrica, distante 2 quilómetros, pero sen visibilidade directa.

4.- Os petroglifos A e C forman liña recta co solpor algúns días despois do equinoccio de primavera, arredor de 11 días. É dicir, faltando 81 días para o solsticio de verán. Por lóxica, o aliñamento volverá a producirse 81 días despois do solsticio de verán, ou sexa, arredor do 10 de setembro, cando falten 11 días para o equinoccio outonal.

As cronoloxías que se manexan para os petroglifos da tipoloxía dos A, B, C e D da Ermida abarcan un longo período entre os finais do Neolítico e a Idade do Bronce. De finais do Neolítico proceden tamén as tradicións megalíticas, das que coñecemos nesta zona dous exemplos: unha mámoa inmediata ó castro das Las e outra mámoa inmediata á rocha dos petroglifos da Ermida. 

A citania de Lámbrica

A mámoa da citania das Las e Ourantes é unha das pegadas que deixou o home en tempos anteriores á Idade do Ferro nese lugar. No alto onde actualmente existe a citania  gózase dunha ampla visión do territorio circundante. Na súa parte central hai vestixios dun recinto sacro e, pegadas á muralla interior dese recinto, atopamos dúas pedras orientadas, unha delas romanizada cunha dedicatoria a Xúpiter. Na construción da muralla, esta rocha e a súa compañeira foron respectadas, polo que podemos supor que algunha tradición milenaria dos construtores castrexos debeu impedir a súa destrución. Os romanos poríanlle, atendendo á súa importancia simbólica para os poboadores do castro, a inscrición "IOVI". A orientación de ambas rochas é norte-sSur, deixando un oco leste-oeste coincidente cos solpores equinocciais ou próximos ós equinoccios.

Dende o alto da citania de San Cibrao das Las, se seguimos os eventos astronómicos dos que xa falamos máis arriba (os solpores solsticiais e os solpores próximos ós equinoccios), vemos que as liñas rectas ata as postas de sol desas datas pasan por territorios da contorna que consideramos especiais, que marcamos no mapa como B e D, coincidentes con zonas elevadas do terreo e con vestixios de elementos cultuais. 

O punto E, que corresponde na rocha co petroglifo máis atípico (unha coviña de pouco diámetro, posiblemente máis tardía que as figuras anteriores) coincide no mapa topográfico co cumio do monte do Santrocado, a máxima altura da contorna, a 550 metros. 

As inquietantes coincidencias

No mapa da contorna (baseado no mapa topográfico 1:25000, folla 187-III) podemos apreciar como o deseño dos petroglifos da Ermida parece reflectir a distribución de zonas "importantes" para os poboadores daquelas terras dende a Idade do Bronce. 

Dende o alto dos outeiros -neste caso o outeiro do castro das Las- decidiríanse as tarefas a realizar en cada época do ano. Igual que en moitas outras sociedades antigas, os grupos dirixentes estarían moi unidos ou identificados cos grupos relixiosos, concedéndolle así un carácter sacro a determinados territorios que será herdado ao longo dos tempos, aínda que mude o sistema cultural ou a relixión. É o que debeu acontecer co cumio do outeiro do castro das Las tanto coa chegada dos romanos, que inscribirían "IOVI" nunha rocha, coma co cristianismo, gravándose cruces en laxas próximas. 

É posible que os gravadores dos petroglifos da Ermida, a través dos solpores solares, foran capaces de trasladar á peneda a visión do territorio circundante da que gozaban dende o outeiro das Las (Lámbrica), podendo así seguir os movementos estacionais ou os ritos que sinalaría unha élite alí instalada . 
A diferente tipoloxía e o maior tamaño do petroglifo A da Ermida, con liñas radiais e maior número de liñas concéntricas, fai pensar nese gran centro cultual que permanecerá ó longo do tempo na parte central do castro ou citania de Lámbrica. 


Os petroglifos da Ermida, ademais de ser un marcador estacional ou cronolóxico (calendario), poderían mostrar a disposición de distintos territorios (mapa) aos que irían movementos estacionais de gando ou nos que se realizarían labouras agrícolas ou cerimonias cultuais en determinadas épocas do ano, ás que posiblemente acudirían todos os poboadores da contorna.

O alto daquel outeiro de San Cibrao das Las podería ser xa na Idade do Bronce lugar de control territorial no que xurdirá, andando o tempo, xa nos séculos da Idade de Ferro, a citania de Lámbrica.


Unha proposta de interpretación

(Agosto de 2019)


Continuando coa superposición do esquema dos petroglifos da Ermida no mapa da contorna, os posibles lugares representados no "mapa" da Ermida coas letras B, C e D poderían ostentar algún tipo de sacralidade ou relación con cultos, lugares "especiais" dos que coñecemos outros paralelismos: sitios elevados, presenza de outeiros con grandes penedas, abundancia de auga... 

Estes fitos xeográficos que buscamos están claramente relacionados cos  fenómenos solares, pois dous deles sinalan os puntos de solpor nos solsticios de inverno e verán, vistos desde Lámbrica. Expliquémonos: os fenómenos solares que poden verse na pedra da Ermida representados en cada solpor solsticial (aliñamento de dous petroglifos co Sol) poden tamén ser experimentados dende a citania de Lámbrica, coa salvedade de que agora será o punto de observación (a citania) o que estará aliñado cun dos fitos xeográficos que imos enumerar e cun solpor solsticial. 

A cronoloxía desas observacións e a súa posible representación na Ermida é difícil de delimitar, pois aínda que os cultos e realizacións de gravados en rochas proceden da Idade do Bronce, eses lugares de culto poden permanecer longo tempo, con maiores ou menores transformacións. Nada impide, logo, que durante a época castrexa e a romanización se seguiran a practicar certos ritos ancestrais, como demostra o exemplo da ara de Bandua de Eiras, adicada a un deus antigo, prerromano, céltico ou indíxena, pero con epígrafe en latín.

O primeiro lugar xeográfico a destacar é o de Piñeiro, coincidente coa letra B nos petroglifos, se o A representa a Lámbrica. É un lugar elevado onde se atopa a igrexa de San Cibrao das Las. Queda xusto ao solpor do solsticio de verán visto desde o alto da citania de Lámbrica. A igrexa parroquial sería a auténtica testemuña que temos hoxe de cultos ancestrais nese lugar. O topónimo (de Pinniarium) parece aludir á abundancia de penas ou penedas, un outeiro, que o tempo iría transformando. 

É un lugar axeitado para algún tipo de culto, acrecentado pola singularidade de que se atopa xusto ao noroeste da citania de Lámbrica, é dicir, onde os da citania verían as postas de Sol no solsticio de verán, as datas sinaladas nas que o Sol se "detén" na súa "viaxe" anual cara o Norte.

Pola súa parte, o lugar inmediato aos petroglifos da Ermida, chamado tamén O Couto, quedaría xusto ao suroeste de Lámbrica, é dicir, no punto de solpor do solsticio de inverno, cando a "viaxe" do Sol cara o Mediodía se "detén". No panel dos petroglifos, esta figura é a que leva a letra D

Na Ermida, ademais da peneda dos petroglifos, atopamos unha mámoa e un cruceiro. O topónimo procede da presenza dunha antiga ermida ou capela, da que fala un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa de AS MÚAS, anexa á ERMIDA de SAN COSME E SAN DAMIÁN na feligresía de Santa Uxía de Eiras, xurisdición de Roucos en 1695

As Múas é un microtopónimo que se utiliza no lugar para referirse a aquelas paraxes. A sacralidade do lugar da Ermida, do Couto ou das Múas, estaría representada pola presenza desa antiga ermida cuxo recordo está só na toponimia, pois non existe memoria algunha na tradición oral da parroquia sobre tal capela. É posible que fora derrubada no século XVIII.

Cabe preguntarnos se procedería a ara de Bandua dese lugar, pois non son infrecuentes as ubicacións de antigas aras en ermidas, como sucede na veciña de Santa Lucía de Erbededo, antiga parroquia de Santo André, que aínda hoxe posúe unha ara no seu interior. Poderiamos pensar que, ao destruírse a ermida das Múas, os donos do pazo de Eiras puideran levar a ara para os seus xardíns, sostendo con ela unha mesa arrodeada por unha bancada, labradas en granito con factura que parece dos séculos XVII ou XVIII. Alí se conservou a ara ata 2017.  A vinculación dos donos das casas fidalgas coas Múas chegou ata mediados so século XX coa propiedade da "casa da Ermida". 

Voltando aos petroglifos, o círculo máis pequeniño coincide na superposición no mapa  co monte do Santrocado. Sería a figura E  e coincide cunha singular altura na contorna, lugar de culto e romaría cada 15 de maio, onde se xuntaban as procesións parroquiais de Eiras, Laias, Ourantes e as Las.

A derradeira figura que nos queda (C) non é doada de identificar xeograficamente, pero parece coincidir con zonas húmidas, nas que hai microtopónimos como As Lagoas ou O TrulleiroAs zonas con auga abundante cercanas a citanias antóxansenos como propias para algún tipo de rituais en saunas, elemento que aínda non foi detectado en Lámbrica, pero que de seguro houbo naquelas paraxes.

Con esta proposta parecen concordar  fenómenos astronómicos solsticiais coa disposición terrea ou xeográfica de lugares susceptibles de cultos, con penedas, en lugares altos ou con abundancia de auga. Obviamente, é imposible saber a que obedeceu na realidade a distribución dos petroglifos na peneda da Ermida. 

Unha cousa parece clara: A citania de Lámbrica non é allea á súa contorna. Ademáis dos lugares simbólicos, de reunión ou de culto, que parecen representados na pedra da Ermida, existen unha serie de pequenos castros e establecementos agropecuarios, algúns deles orixe de aldeas actuais, que contribuíron a que Lámbrica chegara a ser o que hoxe admiramos na cima daquel outeiro onde, sen remedio algún, se urbaniza sen miramentos con prescindibles "centros de interpretación" que, para nada teñen en conta o que sucedeu e sucede arredor de Lámbrica

F. González Iglesias. Agosto de 2019.

blogoteca.com/lambrica