Outros petroglifos
A Reghenga

Unhas veces como cristianización de prácticas de culto máis antigas, outras con finalidade apotropaica, como protección contra calquer tipo de mal o ameaza, outras como indicación territorial, delimitando feligresías, coutos ou aldeas... abundan por Galiza moitos petroglifos que podemos chamar históricos, porque son posteriores á romanización.

A maioría deles escóndense nos nosos montes e camiños, ou en paraxes pouco transitadas. Algúns comparten espazo con petroglifos máis antigos, pero todos, todos, teñen a súa importancia e debemos conservalos. Ademais do seu valor estético ou cultural, poden ser imprescindibles para comprender aspectos históricos, etnográficos, económicos ou relixiosos dos tempos pasados. Cada vez que se perde un petroglifo, ou marca antiga nunha rocha, desaparece unha oportunidade de saber máis sobre as sociedades que os gravaron.

Entre A Reghenga e Tralorrío, dúas aldeas da feligresía de Eiras, existe un cruce de camiños no lugar denominado O Soutiño, onde hai un signo cruciforme nunha peneda a rentes do camiño.

Pola parte leste do cruciforme, érguese o Outeiro, innegable centro de culto prehistórico, verdadeiro altar natural esquecido co decorrer dos tempos, cunha interesante e fermosa composición granítica que semella unha "porta" que mira cara o Santrocado. 

Os cruciformes tamén foron empregados nas portas das casas e das adegas. Alí mantiñan protexidas as vidas e as colleitas. Tamén nas fontes se facían este tipo de insculturas, como sucede na fonte da Reghenga, bastante pouco coidada para a importancia que tivo na vida secular daquela aldea.
A falta de sensibilidade supón o esquecemento e o risco da perda irreversible de elementos etnográficos e históricos.


© F. González Iglesias. Novembro de 2018 - outubro de 2020. Todos os dereitos reservados. Non se permite a reprodución das imaxes nin dos textos.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar