Os petroglifos do monte do Chao


O monte do Chao atópase entre as parroquias de Eiras e de Vilarderrei, dividindo tamén os concellos de San Amaro e Cenlle. Lámbrica está situada a só dous quilómetros de distancia, podéndose manter contacto visual con ela a través do val do regato da Lavandeira.

No mesmo monte, pero xa na parroquia de Vilarderrei, está un cruceiro, de cruz sinxela e con aristas en chafrán. Está orientado de norte a sur, cos brazos ó leste e ó oeste. Non coñecemos datos da súa fábrica, pero parece ser obra do século XVIII. Consta de dúas pezas: unha cruz latina superior e un varal ou fuste encravado directamente nunha peneda. A peneda non ten ningún traballo de laboura, pero na súa superficie descubrimos un conxunto de coviñas. Particularmente, vense moi ben catro.

Non é difícil atopar penedas con antigas atencións, particularidades ou cultos, que foron cristianizadas, ben sexa coa erección e cruceiros -como é niste caso- cou co establecemento de capelas ou igrexas. O feito de erguerse cruceiros ou capelas ó seu carón dá pé a pensar que as representacións deste tipo de gravuras tiveron algo que ver co mundo relixioso. As datacións que soen darse varían entre dous mil e mil cincocentos antes de Xesucristo, aínda que puideron ser posteriores. 

A presenza de cultos que perviviron entre as persoas das aldeíñas prerromanas foi reconducíndose, coa participación activa das autoridades eclesiásticas, tras a chegada do cristianismo, transformando paseniñamente os antigos lugares sacros, funerarios ou de maxia, aos que se acudía dende tempo inmemorial, en lugares onde a cruz ocupa un lugar preferente. 

Os petroglifos ou coviñas do monte do Chao non están catalogados e o lugar atópase descoidado, como case todo nestas nosas terras, a menos de dous quilómetros da citania de San Cibrao das Las ou Lámbrica e moi cerquiña do Santorcado. O lugar está tamén a un quilómetro en liña recta dos petroglifos da Ermida de Eiras, que se atopan xusto ao sueste.

Algúns estudosos afirman que as coviñas presentes nas bases dos cruceiros serviron para acender veliñas, con cera ou aceite. Pero unha base de cruceiro case sen labrar no cruceiro do monte do Chao parece indicarnos que esas coviñas poderían ser anteriores á presenza da cruz de pedra, sendo reaproveitadas para esa finalidade de ofrenda ou cumprimento de votos. Un característico caso de cristianización. 

© F. González Iglesias. Novembro de 2018 - outubro de 2020. Todos os dereitos reservados. Non se permite a reprodución das imaxes nin dos textos.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar